Un pouco de historia...
AFAN Burela é unha asociación sen ánimo de lucro que xorde no ano 2013 para dar resposta ás necesidades dos enfermos de Alzheimer e/ou outras demencias así como dos seus familiares.
Despois da súa constitución e da súa inscrición no RUEPSS (2014), a asociación AFAN Burela logrou no ano 2015 un dos seus principais obxectivos: a cesión dun local por parte do Concello de Burela para establecer a súa sede e crear unha Unidade de Respiro Familiar con 10 prazas na que atender as necesidades tanto dos usuarios como dos seus familiares e socios.
Dende este momento, AFAN Burela puxo en marcha neste centro, de luns a venres en horario de mañá e tarde, un Programa de Estimulación Terapéutica, un Programa de mantemento das Actividades Básicas da Vida Diaria (ABVDs) para enfermos en fase leve ou moderada e un Servizo de Atención Psicolóxica individual e grupal tanto para coidadores principais como para outros familiares e socios. Para isto foi preciso contratar unha Psicóloga Sanitaria e unha coidadora e conseguiuse grazas á colaboración do Concello de Burela, Deputación de Lugo e Xunta de Galicia así como tamén grazas ás aportacións das cuotas de usuarios, dos socios e outros donativos. Ademais, no 2015 adheriuse ao programa “Movémonos” da Deputación de Lugo para potenciar a actividade física e funcional dos usuarios.
No 2018, a través dun convenio coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, a psicóloga da asociación levou a cabo diferentes actividades con carácter divulgativo dirixidas á poboación xeral e escolar da Mariña Central e Oriental.
No ano 2019 AFAN Burela incorporou ao seu catálogo de servizos un Programa de Intervención Asistida por animais para persoas con Alzheimer así como un Programa de Terapia Ocupacional que foi posible realizar grazas a unha axuda concedida por Obra Social Fundación La Caixa. Así mesmo, o 1 de outubro de 2019, pasa a ser membro de pleno dereito da Federación de Alzhéimer de Galicia (FAGAL) e imparte cursos formativos a familiares coidadores nos concellos de Burela e Foz así como inicia un grupo de axuda mutua a través do Programa Rede Paraugas Rural da Fundación Barrié no Concello de Barreiros.
No ano 2020, a asociación incorpora un Programa de Orientación Social, levado a cabo por unha Traballadora Social, gracias á concesión dunha subvención para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro da Xunta de Galicia. Así mesmo, asínase un convenio coa Deputación de Lugo e a través de FAGAL conséguense fondos con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, para lograr dar continuidade ao Programa de Estimulación Cognitiva e Respiro Familiar e incorporar un programa novo de emprego das TICs para persoas maiores.